04/04/09

O axouxereblog cambia de espazo

Esta vai ser a derradeira entrada do noso axouxereblog. Dende agora tódolos seus contidos irán pasando a outro blog, aulabarataria, blog escolar bilingüe de recente creación. ¡Vémonos nel!

23/06/08

Proxecto Verán '08


Por fin chegou o desexado final de curso. Agora hai que facer plans para o verán e disfrutalo a tope. Pois ben, o axouxereblog non vai estar de vacacións: esperamos recibir todas as vosas aportacións, as fotografías dos lugares que visitedes, relatos, comentarios... Este vai ser o noso PROXECTO VERÁN 2008. Seguiremos publicando noticias curiosas e traballos que os alumnos presentaron durante este curso. Para rematar, aquí vos deixamos unha fotografía tomada na romaría que fixemos hai unhas semanas á igrexa de Nosa Señora de Darbo, en Cangas. Felices vacacións!

30/04/08

Letras Galegas 2008: X Concurso de Carteis

O vindeiro 3 de maio, sábado, remata o prazo de presentación dos carteis sobre Xosé María Álvarez Blázquez para o X Concurso de Carteis organizado por El Corte Inglés. E, para que a espera dos gañadores non se vos faga interminable, podedes ver algúns dos presentados no seguinte enlace: traballos presentados. Todos eles pertencen a alumnos de 1º e 3º da ESO. ¡Boa sorte!

Letras Galegas 2008: X. Mª Álvarez Blázquez

Este ano o Días das Letras Galegas está adicado ao poeta, editor, arqueólogo e intelectual galeguista Xosé María Álvarez Blázquez. Trátase dun persoeiro decisivo para o renacer da cultura galega na segunda metade do século XX, logo da Guerra Civil e os primeiros anos da represión franquista. Como curiosidade, cómpre lembrar que foi un gran amigo do recoñecido poeta Celso Emilio Ferreiro, e que coñeceu e tratou a escritores de sona mundial, como o premio Nobel Camilo José Cela ou o poeta Federico García Lorca, quen lle regalou un exemplar con dedicatoria da primeira edición do seu Romancero Gitano. Con Celso Emilio e con Cela aparece na fotografía que acompaña a esta entrada.
Naceu Xosé María en
Tui, en 1915, no seo dunha familia de longa tradición literaria. Seu pai, republicano, foi encarcerado e fusilado en 1936, e o noso autor, mestre nacional e afiliado ao Partido Galeguista, foi desterrado en Coreses, na provincia de Zamora. Anos despois, renunciou á praza de funcionario e regresou a Galicia, instalándose en Vigo. Proba sorte coa narrativa en castelán e queda finalista do I Premio Nadal, que naquel ano 1944 gañou Carmen Laforet coa súa novela Nada. En 1948 comeza o seu labor editorial: funda a librería Monterrei, situada na rúa Pi i Margall, en Vigo, que logo se convertería na editora do mesmo nome. Casa en 1956 con Mª Luísa Cáccamo, coa que tería seis fillos, varios dos cales son escritores na actualidade. En 1962 entra a formar parte da Real Academia Galega, e en 1964 funda Edicións Castrelos. Esta editorial converteuse en pouco tempo na máis difundida de Galicia, pois contaba con 230 puntos de venta entre librarías, estancos, quioscos, ferreterías e mesmo tendas de ultramarinos. Na colección “O Moucho” editou o que se convertería no primeiro best-seller galego: O catecismo do labrego, de Valentín Lamas Carvajal. En 1968 comezou a traballar como profesor no Instituto Marítimo Pesqueiro de Vigo. Dous anos despois morreu a súa filla María Luísa, á que familiarmente chamaban “Colorín”. En 1976 é nomeado Cronista Oficial de Vigo, cidade na que morreu en 1985 dunha afección cardíaca.
Xosé María deixounos catro libros de
poemas en galego. O primeiro, Poemas de ti e de min (1949), contén tamén poemas do seu irmán Emilio por necesidades editoriais: como eran poucos os poemas de cada irmán, a editora decidiu xuntalos nun mesmo libro con dúas portadas. O segundo, Roseira do teu mencer (1950), dedicouno á súa filla “Colorín”, polo que os seus versos reflicten o mundo familiar cunha perspectiva infantil. En 1953, o noso poeta permitiuse unha brincadeira literaria: escribiu o Cancioneiro de Monfero, finxindo telo atopado e ser este da época medieval. Algún dos seus coñecidos chegaron a caer na trampa, pois tan ben reflectiu Xosé María as cantigas medievais que case pasaron por tales. Por último, en 1976 publicouse Canle Segredo, o seu mellor libro segundo os críticos, con carácter marcadamente intimista, proxecto abandonado dende 1954.
Pero o noso homenaxeado non só foi un importante editor e poeta, senón tamén un recoñecido
investigador do noso pasado, tanto no eido literario, co achado da primeira égloga galega (Égloga de Belmiro e Benigno, do século XIX), como no eido arqueolóxico, pois atopou restos romanos en lugares como Hío ou Teis, así como do Paleolítico e da Idade do Bronce no Baixo Miño ou nas Gándaras.

Esta é, de forma sucinta, a traxectoria de Xosé María Álvarez Blázquez, que ben merece o recoñecemento que está a ter neste ano 2008. Recoñecemento que, ademais, vai valer para manterlle, en versos de Canle Segredo, “o corazón atado / cun fío longo á terra”, á súa terra, que agora fai xustiza ao seu transcendente labor a prol da cultura galega.

15/04/08

Letras Galegas 2008: "Webquest" e exposición.

Os alumnos de 2º e 4º da E.S.O. realizarán nas próximas semanas un proxecto para a materia de galego relacionado coa celebración, o vindeiro 17 de maio, do Día das Letras Galegas 2008, este ano adicado, como é ben sabido, a Xosé Mª Álvarez Blázquez. O proxecto constará de dúas fases, que recibirán a mesma puntuación: unha primeira escrita, consistente nunha "webquest" ou busca de información na rede sobre a vida e obra do ilustre escritor; e unha segunda de carácter oral, pois será unha exposición oral coa axuda dun "powerpoint" preparado de antemán coas informacións obtidas na fase da "webquest". Tanto o cuestionario da webquest coma a plantilla para elaborar a presentación oral son descargables na sección adicada a Álvarez Blázquez na barra lateral azul, situada á dereita do blog. Ámbolos dous foron elaborados no IES Afonso X o Sabio de Cambre e no IES de Fene, e xenerosamente postos na rede para todos nós. ¡Moitas grazas! E agora, ¡a traballar!

Letras Galegas 2008: X Concurso de Carteis

Os alumnos de 1º e 3º da E.S.O. van participar no X Concurso de Carteis que organiza El Corte Inglés en Galicia co gallo do Día das Letras Galegas 2008. Consiste na elaboración dun cartel adicado ao poeta, editor, arqueólogo e erudito galego Xosé María Álvarez Blázquez, que deberá conter un lema alusivo ao citado autor. A actividade supón a colaboración dos profesores de Plástica e Galego dos dous cursos, así como o afondamento na figura do escritor tudense. Para axudar aos nosos alumnos, créase hoxe unha nova sección no noso axouxereblog, na barra azul da dereita, con arquivos descargables e enlaces de interese sobre Xosé María Álvarez Blázquez.

29/03/08

A receita-poema da tortilla de patacas


Ingredientes

Patacas moi ricas,
ovos e cebolas,
aceite na tixola
e un pouco de sal.



Preparación

Córtanse as patacas
en moi finas lascas,
bótanse no aceite,
que estea ben quente.

Bátense os ovos
cun chisco de sal,
e quedan escumosos
removendo sen parar.

Cando estean as patacas
sen chegar a se torrar,
retíranse do aceite
sen deixalas repousar.

Mestúranse cos ovos
removéndoas moi ben,
e bótanse na tixola
e frítense outra vez.

Jesús Lorenzo Areses (1º ESO)

Ingredientes

Cen gramos de touciño entrefebrado
hai que conseguir en bo estado;
unha cullerada de aceite non fervendo
e que desprenda un bo recendo;
corenta gramos de manteiga que fresca
como os oito ovos debe estar;
unha boa cebola, para logo cortar,
e, finalmente, conseguir pementa e sal.

Preparación

Escalda o touciño en auga fervendo,
é dicir, ben quente, vamos, ardendo.
Refoga as tiras de touciño moi moi ben
ata que a cor branca non se poida ver.
Pela as patacas, córtaas en dados
e refoga a cebola pelada ao lado.
Cando a cebola se estea a fritir,
as patacas deberás engadir.
E cando isto se estea facendo,
os ovos nunha cunca vai batendo.
Engádelle os ovos á receita
para que a tortilla, por fin, xa quede feita.

Miguel Vidal González(1º ESO)

As linguas: unha morte silandeira

Lin hai uns días unha noticia estarrecedora que, sen embargo, só ocupaba unhas poucas liñas en páxinas interiores do xornal: “Muere la última nativa de Alaska que hablaba la lengua eyak”. ¿A quen lle podería importar un feito así? Evidentemente, aos familiares e coñecidos da muller falecida. Tamén aos filólogos estudosos da lingua eyak, caso de haber algún na actualidade. Foi así como unha lingua da familia Na-Dené -familia de linguas de diversas tribos de nativos norteamericanos-, o eyak, quedou sen falantes e, ademais, non deixou ningún testemuño escrito, pois foi unha de tantas linguas da historia que non tiveron escritura. Perdéronse os falantes, perdeuse a lingua, perdeuse unha especial e diferente visión do mundo, perdéronse os costumes, perdeuse, en definitiva, unha cultura milenaria. Segundo estimacións comunmente aceptadas, as aproximadamente 6000 linguas que hai no mundo na actualidade veranse reducidas á metade no ano 2050 e, en moitos casos, non aparecerá a nova da súa desaparición en ningún xornal. E tampouco quedará ninguén para poñer a esquela!

21/03/08

Taller literario en 1º de ESO

Como primeira mostra desta actividade da clase de galego de 1º de ESO, deixamos no Axouxereblog dous poemas dedicados ao binomio día/noite. A idea dun poema en partes contrapostas xurdiu da lectura dun poema dividido nos catro puntos cardinais. O próximo proxecto do taller é a receita-poema da tortilla de patacas. ¡Boa inspiración!

O día
O día é moi xeneroso
e a miña casa ilumina,
e cando está bochornoso
canto a miña cancionciña.
Cando chega o seu final
durmo na miña camiña
baixo a Virxe de cristal.

A noite
A noite é moi escura,
os gatos negros saen
por ver a luz da lúa.
Outros saen con loucura
das discos na procura.
Cando chega o seu final
durmo e non podo espertar.

Jesús Lorenzo Areses (1º ESO)


O día
É de día e o sol brilla.
Nós gozamos nunha illa,
corremos na praia baixo o sol,
descansa miña nai cun parasol.
Meu avó prefire a chuvia,
os abrigos, os paraugas e as luvas.

A noite
É noite escura e as estrelas brillan,
todas elas con gran fermosura.
Chega a medianoite á cidade durmida,
mentres na tele rescatan a un suicida.
Rematou a peli e voume deitar
para no mundo dos soños entrar.

Pablo Pérez Doval (1º ESO)

21/02/08

Proxecto Blog: segundo tema obrigatorio

Como podedes comprobar polos enlaces da sección "Proxecto Blog", cada vez hai máis blogs en galego dentro do noso Proxecto. Agora trátase de que melloren, de que crezan ante os nosos ollos. Para axudarvos con este obxectivo, indicamos a continuación cal vai ser o segundo tema obrigatorio do Proxecto: "A situación de uso do galego na actualidade", no que debedes atopar as estatísticas máis actuais sobre o uso do galego segundo a xeografía (rural, urbano, etc.), segundo a idade e segundo o nivel socioeconómico ou o sector de traballo (primario, secundario, terciario). A investigar e... ¡boa sorte, blogueiros!